Thursday 16 de May de 2024

Dous enxeñeiros do Servizo Galego de Saúde premiados por un artigo sobre a Implantación da Biomasa como fonte de enerxía renovable dentro do Plan de Eficiencia Enerxética deste organismo


Nun congreso celebrado na Haia esta semana, organizado pola Federación Internacional de Enxeñería Hospitalaria

Dous enxeñeiros do Servizo Galego de Saúde, Antonio Taboada Prado; que desenvolve o seu labor profesional nos servizos centrais da Dirección Xeral de Recursos Económicos deste organismo; e José Luís López González (do Hospital Lucus Augusti), veñen de seren galardoados co terceiro premio dun congreso internacional de enxeñería hospitalaria organizado pola Federación Internacional de Enxeñería Hospitalaria, que se celebrou na Haia esta semana, pola realización do artigo titulado: “Implantación de Biomasa de orixe forestal como fonte de enerxía renovable dentro do Plan de Eficiencia Enerxética do Sergas”.

O artigo recolle o caso práctico do Servizo Galego de Saúde dentro das súas actuacións do Plan Ecospital e Plan integral de eficiencia enerxética, e describe as características das instalacións e das solucións elixidas para a implantación da biomasa como enerxía primaria térmica nos hospitais públicos, resaltando algúns dos seus principais resultados como a instalación de equipos térmicos para consumo de biomasa cunha potencia total de 12.450 kw, un consumo anual medio de 6.300 Tm, e unha redución media de emisións á atmosfera de CO2 de 7.500 Tm/ano.

Adicionalmente, o artigo destaca que o consumo anual de biomasa de orixe forestal en Galicia fomenta a creación de emprego no sector forestal, estimando unha creación neta de máis de 22 empregos directos e 32 indirectos, e colabora na limpeza e ordenación do monte sobre unha superficie de máis de 3.300 hectáreas.